Premio FEGATEA á Animación Teatral

A Xunta Directiva da Federación Galega de Teatro Afeccionado acordou, por unanimidade, concederlle o Premio FEGATEA á Animación Teatral, na súa cuarta edición, a Manuel Lorenzo, pola súa dilatada e significada traxectoria no eido da cultura teatral galega.
A FEGATEA, que agrupa a arredor de 50 grupos de teatro amador e asociacións culturais de toda Galicia, convoca este premio de carácter honorífico bianualmente. A súa finalidade é recoñecer o labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade.
Neste sentido á FEGATEA considerou que o intenso e prolífico traballo de Manuel Lorenzo como director teatral, dramaturgo, actor e tradutor, así como o seu labor impulsor e dinamizador de incontables iniciativas, tanto no teatro profesional como amador, falan dun compromiso co teatro galego difícil de igualar e fano sobradamente merecedor deste galardón.
A entrega do Premio terá lugar nunha cea homenaxe o día 10 de setembro na cidade de Lugo.

Comentarios