Terapia de Bar

➧ Director: Jose Prieto
➧ Elenco: Juanín Ares Gondell, Jose Manuel Felpeto, Chani Hernández, Maite Dacosta, Chus Olivares (María Veiga) e Ruth Fernández
Anos de duración: 2016 ata 2018

"É unha comedia de terror, vicios e manías."

O bar “Da costa” non está na costa. É un bar perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e cando o fai, non volve nunca máis.

A propietaria do bar e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que segundo eles son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (Aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (Aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (Aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada.)


Cada cliente que teña a mala sorte de entrar no bar “Da costa” comprobará nas súas propias carnes as terribles terapias que lles aplicaran os “salvadores” para liberalos dos seus vicios: acupuntura con coitelos de matar porcos, hipnose a base de facerlle inxerir ó paciente varias caixas de pastillas para durmir, ou exorcismos con litros de licor café que introducen no “vicioso” para sacarlle o demo do corpo.

Cada terapia elimina efectivamente cada vicio, aínda que con pequenos danos colaterais: tamén pode eliminar ó paciente. TERAPIA de bar non é “A matanza de Texas”, pero coidado, tampouco é “La casa de la Pradera”. Se se atreven, visiten o “Bar Da Costa”."



Comentarios