Circuito de teatro amador 2018 e Proxecto B

Boas a todos! Este domingo remata o circuito galego de teatro amador organizado polo Aturuxo de Melpómene coa obra "Puto amor romántico" de Tangututanga ás 20:00 no auditorio municipal de Narón na Praza de Galicia. É unha obra dirixida por Beatriz Bravo e para maiores de 18 anos.

"Contáronnos que Romeo e Xulieta morrían por amor. E iso era romántico... Que Ariel renunciaba a ser serea por poder estar cun príncipe humano. E que iso tamén era romántico... Quen dixo que somos só unha metade da laranxa e que precisamos outra metade? Que o amor pode con todo? Que o amor é monógamo e heterosexual? Que os ciumes son signo de amor? Que o amor é romántico ou non é amor? Puto amor romántico..."

Agardámosvos! A entrada é de balde e daremos rifas para o sorteo de dúas entradas para un espectáculo do Pazo. O sorteo tera lugar ese mesmo domingo.

Por outra parte, e isto é para os nosos socios, abrese o prazo do proxecto B (Tedes máis información na páxina do blog respectiva). Calquera cousa podedes mandar un email e solucionaremos as vosas dudas.



Comentarios